xoves, 31 de marzo de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "SUBTRAMA"

Puido ser

Capítulo Subtrama

Personaxes: Leandro (axudante de policía), Sr. Comisario, muller do comisario, grupo de sufraxistas, Ministro da Gobernación, dúas persoas máis.
Localizacións: oficinas, rúas de Pontevedra.

ESCENA 1

Oficina. Un axudante de policía (Leandro) escribe con dous dedos (un de cada man) nunha máquina de escribir e ao rematar, retira o escrito da máquina e le (en off) o que redactou.

Voz de Leandro.- Comisaría de policía de Pontevedra. Orde pública. Informe do día de hoxe sobre actividades molestas en Pontevedra. Nos útimos tempos veñen ocurrindo diferentes feitos que fan desta cidade de Pontevedra obxecto do que cremos un importante foco de elementos subversivos. Trátase de xente que se reune nos cafés e co pretexto de realizaren actividades “artísticas” promove a edición de xornais, a realización de encontros literarios nos que se recita poesía, as conferencias de persoas estranxeiras que fan públicos comportamentos e actitudes alleas á nosa máis sacrosanta tradición. Mais é, que uns fan até caricaturas ridiculizando ás nosas autoridades (que Deus garde) e que provocan no pobo as máis sonoras gargalladas.
É pois preciso curtar esta disparatada forma de entender a vida, polo que propoñemos se faga un seguimento de certas persoas que non gardan o decoro esixíbel na sociedade para que ideas doutras terras non penetren na nosa nación.

ESCENA 2

Despacho do Comisario. Plano frontal. O Comisario está lendo o informe, deixao sobre a mesa e fica pensativo. Bota a man á cabeza con coidado. Plano posterior no que se ve un esparadrapo en forma de cruz na súa cabeza.

Comisario.- (Chamando en voz alta) Leandroooo.

ESCENA 3
Despacho do Comisario. O Comisario está de pé mirando pola fiestra, sona o teléfono e achégase a descolgar.

Comisario.- Digaaaa. Sr. Gobernador civil. A súas ordes. Si, preocupante. Estaremos atentos, non se preocupe. Grazas señor. (Pausa) Leandrooo!

ESCENA 4

Personaxes: Comisario, muller do comisario, grupo de sufraxistas.
Localizacións: Rúa(s) de Pontevedra.

O comisario e maila súa muller pasean pola rúa, comezan a escoitar balbordo, pouco a pouco achegase un grupo de mulleres que berran a favor do voto da muller.

Grupo de mulleres sufraxistas.- Sufraxio feminino xa! Non queremos ser obxectos, queremos participar.

Muller do comisario.- Olla, por fin!

Comisario.- Que dis? Estas revolucionarias!

Muller do comisario.- Serás macho...

Comisario.- Non ves que non van conseguir nada, son moi poucas.

Muller do comisario.- Ai si? Pois agora contan cunha máis. (Únese a grupo de sufraxistas e comeza a cantar as consignas).

Grupo.- Mulleres a votar, homes na cociña! Sufraxio universal!

O Comisario fica con cara de asombro.

ESCENA 5

Despacho do comisario. O Comisario está na súa mesa e sona o teléfono, descolgao e responde.

Comisario.- Digaaaa. (Uns segundos de pausa, mentres escoita vai mudándolle a face até ficar sorprendido, pónse de pé). Sr. Director Xeral!!!  Así que leu o noso informe. Que lle parece grave. Que hai que tomar medidas. Que que medidas vou tomar. (dous segundos de pausa mentras pensa turbado). Pois... pois... Vixiarei! Iso é, vixiarei a todos eses elementos... sospeitosos. Que non lle parece suficiente? Si señor, así o farei. A súas ordes Sr. Director Xeral. (colga o teléfono aínda sorprendido). O Sr. Director Xeral da Policía! (Pausa) Leandroooo!

ESCENA 6

Actores: Sr. Comisario, Ministro da Gobernación, dúas persoas máis.
Localizacións: Despacho do Sr. Comisario.

Un home abre a porta do despacho do comisario, este sentado na mesa levanta a vista e ponse en pé. Entran tres homes na estancia, plano sempre de costas.

Sr. Comisario.- (Turbado fai unha reverencia) Señooor Ministro da Gobernación. Quero dicir, excelentísimoooo señor. Neste humilde despacho...

Ministro.- Deixe de monsergas. Que raio está a pasar aquí?

Sr. Comisario.- (Dubidando) A situación internacional...

Ministro.- Cale! (Taxante). El Rei está moi preocupado... e o presidente do Consello de ministros tamén. Non sabemos como pode levar tan torpemente esta comisaría. Quero a súa dimisión “in ipso actu”.

Sr. Comisario.- Eeee?

Ministro.- Agora mesmo (berrando).

Os tres homes dan a volta e abandonan o lugar. O Comisario quere protestar.

Sr. Comisario.- Pero se só me faltan uns días para a xubilación... (Pausa) Leandrooo!


FIN

GUIÓN DO CAPÍTULO "INSTITUTO"


Puido ser

Capítulo Instituto

Personaxes: Castelao, home, señora 1, señora 2, estudante arrepentido, billardeiras, Sr. Comisario.
Localizacións: Entrada do Instituto Valle Inclán e escaleiras. Xardíns nos arredores do Instituto.

ESCENA 1

Un señor e dúas señoras van polos xardíns, ven a Castelao asomado nunha fiestra alta.

Home.- Ollen aló arriba. É o Sr. Castelao.

Saúdan cos brazos e chapeus, Castelao contestalles dende a fiestra.

ESCENA 2

Plano dende o exterior da porta de entrada ao edificio do Instituto Valle Inclán. O home e as mulleres entran no edificio.

ESCENA 3

Interior da sala de entrada ao Instituto, Castelao baixa as escaleiras, estreita as máns dos recén chegados.

Castelao.- Bos días. Que, disfrutando dos xardíns?

Home.- Faláballe ás señoras das súas cualidades como ilustrador.

Castelao.- Agardo que ben.

Señora 1.- Eu xa lle vin algunha cousa debuxada, creo que foi nalgures... en Compostela.

Castelao.- Si, botei uns anos buscando a vocación.

Achégase un estudante por detrás deles e Castelao se vira.

Castelao.- Carballo! Que foi?

Estudante.- Quería falar con vostede.

Castelao.- Pois xa está a falar.

Estudante.- Non puden presentar o traballo, quero dicir que non... (dubida), ben que non o fixen porque fun a aldea e andiven ás moras.
Castelao.- Demo! Aínda non escoitara unha desculpa como esa. E estaban boas?

Estudante.- O que?

Castelao.- As moras.

Estudante.- É que... perdinnas, caéronme no río cando cruzaba.

Castelao.- Meu Deus! É unha desculpa ben imaxinaria. En fin, pode presentar o traballo a próxima semana.

Estudante (sorrindo feliz e marchando).- Grazas, moitas grazas.

Señora 2.- Ja, ja, ja. Coitadiño, nun intre pasou do abatimento á felicidade.

Van saíndo do edificio. Castelao olla ao lonxe unha parella de mulleres xogando á billarda.

Castelao.- Desculpen uns minutiños, creo que me vai prestar xogar un pouco de billarda.

Home.- Non é perigoso? Podería darlle a alguén.

Castelao (alonxándose).- Perda coidado. Como funcionario de estatística asegúrolle que a posibilidade de acertar a alguén é unha entre un millón.

Vai xogar a billarda. Co seu primeiro golpe a billarda sae polo aire e vai impactar na cachola do Comisario. Este bota mán á cabeza e revírase. Castelao entrega o palán ás billardeiras e afástase rápido.

FIN

GUIÓN DO CAPÍTULO "CRUCES"

Puido ser

Capítulo Cruces

Personaxes: Castelao, Condutor coche.
Localización: Cruceiro de Campañó. Cruceiro do Birrete (Salcedo).

Castelao vai nun coche conducido por. Van falando.

Castelao.- Grande adelanto este carro sen bois.

Condutor.- É o último modelo. Quere ver como corre?

Castelao.- Mellor non.

Condutor.- E eses cruceiros, para que sirven?

Castelao.- Seguramente foron postos no lugar para amolar. E agardan a que comeces a derrubalos con esta máquina.

Condutor.- En serio?

Castelao.- Non sexas pailán!, e para que xa chegamos.

Paran e baixan do coche. Acheganse a un cruceiro.

Castelao.- Ves ese descendimento? A escena repítese en moitísimos, pero cada artista fixo unhas figuras diferentes e realistas. Mira estes deseños de diferentes lugares (ensínalle un papel no que están debuxados varias figuras de cruceiros).

Condutor.- Aaa.

Castelao.- Procura protexelos, é unha herdanza de todos. Como os vales, os ríos e as rías.

Condutor.- Sr. Castelao, eu defendereinos.

Castelao.- Ja,ja,ja. Bravo galeguiño.

FIN


A VEHEMENTE ORADORA

A vehemente oradora sufraxista e feminista, que irrumpe na reunión do Partido Galeguista no Capítulo Galeguista, xa está preparada para entrar en escena. Só terá que buscar medias e zapatos.



Lembrade: enviar aos intérpretes coa vestimenta que escollades para que a diretora esté un pouco máis tranquila. Grazas

martes, 29 de marzo de 2016

RENAULT FRÈRES de 1901. Matrícula PO-2

Este coche propiedade da familia Pazó de Pontevedra é un dos automóbiles máis antigos de Galiza. Aparece no Capítulo Pazó. Segundo contaba o Sr. Pazó aos seus fillos, que fora na realidade alumno de debuxo de Castelao no instituto, o coche foi fabricado en 1901.
Os Pazó tiñan unha empresa de fundición nos terreos que hoxe ocupa o edificio das barcas nas Corbaceiras, alí fabricaban motores para embarcacións e diferentes pezas de ferro como os norais que están no peirao das Corbaceiras. Tamén fixeron diferentes biciclos como o da foto, que tamén sae no filme.

   115 anos, si 115, e funciona!


INMINENTE INICIO DAS RODAXES

De volta das vacacións tedes que poñervos a traballar no vestiario dos intérpretes porque é inminente o inicio das gravacións.
Con tempo se vós avisará do día, lugar e horario da gravación de cada escena. Teredes que traer aos intérpretes de cada papel preparados, isto é, co vestiario que han levar en cada toma, polo que vós pedimos por favor que vaiades adiantando a procura do vestiario para non ter problemas de última hora.
Seguramente os primeiros capítulos que se gravarán serán ESTATÍSTICA, MUSEO e INSTITUTO. Estade atentos ás datas!!!
Se tedes algunha dúbida, preguntar, preguntar e voltar a preguntar. Telf. 626 400 003.

Grazas.

mércores, 16 de marzo de 2016

Convocatoria libre para probas de cámara e son


O próximo sábado 19 de marzo de 2016 de 11 a 14 horas vamos facer probas de cámara e son en diversas rúas da cidade.
Estaremos ás 11 diante do Parador.
É un ensaio voluntario aberto a todas as actoras e todos os actores que poidan e queiran vir. Poden asistir co vestiario (quen o teña).
As escenas a ensaiar son: Capítulo Gaiolas douradas, Marx (escena 2) e Estatística (escena 1). No é preciso ter un papel específico en algunha delas, nin hai que saber os textos de memoria.

Making off. As nais e os pais que asistan e queiran participar nas gravacións para o making off da rodaxe poden traer as cámaras de video ou os teléfonos e gravar libremente os preparativos para incluir nunha montaxe desenfadada do traballo.

Grazas.