martes, 24 de maio de 2016

GRAVADA A ESCENA DE "SOPA DE GANSO"

Na plácida tarde do luns 23 de maio gravamos no Paraninfo do Instituto Valle Inclán a escena do capítulo "Marx" na que facemos unha interpretación da escena da declaración de guerra do filme de 1931 dos Irmáns Marx, "Sopa de ganso".
Como en todas as escenas rodadas até o momento ficamos abraiados coa espectacular interpretación por parte de Joao (Groucho Marx, presidente de Ceibeliza), Sofía (Sra. Margaret Dumont) e Melisa (Ministro plenipotenciario de Imperania).
Esta escena será a primeira que será proxectada en pantalla grande, precisamente o próximo sábado no Teatro Principal na escena do capítulo "Marx" na que Castelao e Virxinia e unha nutrida cocorrencia asisten á proxección de "Sopa de Ganso" en Pontevedra. Constituindo así unha escena dentro dunha escena.

Non o perdades, na mañá do sábado!

xoves, 19 de maio de 2016

CONVOCATORIA PARA TODAS/OS. SÁBADO 28 DE MAIO DE 2016

Convocamos a todas e todos as/os intérpretes o próximo sábado 28 de maio de 2016 en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas no Teatro Principal de Pontevedra para a gravación das seguintes escenas:

- Capítulo "Teatro Principal"
Personaxes:
Castelao, Yago E. B., 5º B.
Ramón Cabanillas, Ignacio L. S., 5º B.
Manuel Quiroga, Candela A. C., 6º A.
Todas/os demáis, 67 en total, como figurantes.

- Escenas 3 e 5 do Capítulo "Marx"
Personaxes:
Castelao, Iago S. G., 6º B.
Virxinia, Carmen P. S., 5º A.
Señora 1, Sabela C. L., 5º A.
Señora 2, Cristina D. G., 6º A.
Comisario, Duarte M. R., 5º B.
Todas/os demáis, 65 en total, como figurantes.

Deben acudir co vestiario adecuado (os figurantes vestidos simplemente como persoas da época, non coas vestimentas dos seus papeis específicos), e cadaquén sabendo o seu guión. Se non puidesen vir deberán comunicalo con antelación. Se fose posíbel gravar pola mañá todas as escenas, se suspendería a sesión da tarde.

luns, 9 de maio de 2016

OPEL 1.2 LITER DE 1935 - CAPÍTULO "CRUCES"

A foto do Opel 1.2 liter de 1935 que aparece no capítulo "Cruces".
A familia Opel vendeu en 1928 o 80% das accións da empresa, que tiña máis de 90 anos na época e que comezara fabricando máquinas de coser,a General Motors, que en 1931 compraría o 20% restante. E até hoxe Opel, cuxo principal centro está en Russelheim (preto do aeroporto de Frankfurt) é propiedade dos ianquis.


Nos anos 30 era o maior fabricante europeo de automóbeis. Este modelo era un coche popular, producido en máis de 105.000 unidades, unha cantidade enorme para a época.

SEGUE A RODAXE: CHANCELAS PARA "PAZÓ"

Excelentísimas/os e Ilustrísimas/os seguidoras/es deste blog, a parte da primeira parte da segunda parte contratante... Como se nota que estamos a piques de gravar a escena de Groucho Marx.

A testemuña da única gravación fóra do Concello de Pontevedra, o capítulo "Pazó" levounos até Chancelas, alén de Combarro para quen non saiba onde queda. Na foto vemos (de esquerda a dereita)ao Sr. Castelao, o Sr. Pazó e as súas distinguidas acompañantes coa ría ao fundo.



 

A gravación progresa.

xoves, 5 de maio de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "TEATRO PRINCIPAL"

Puido ser

Capítulo Teatro Principal

Personaxes: Castelao, Manuel Quiroga, Ramón Cabanillas, auditorio.
Localizacións: Teatro Principal.

ESCENA 1

O local está ateigado de xente, as luces son moi tenues, só iluminado o escenario.

Manuel quiroga está de pé no escenario do Teatro Principal, leva o violín ao ombreiro e comeza a tocar unha melodía. Remata entre grandes aplausos da concorrencia e berros de “bravo”.

Despois sube ao escenario Ramón Cabanillas saca un papel e comeza a recitar o seu poema “En pé”.

Ramón Cabanillas.-
¡Irmáns! En pé, sereos,
a limpa frente erguida,
envoltos na brancura
da luz que cai de riba,
o corazón aberto
a toda verba amiga,
e nunha man a fouce
e noutra man a oliva,
arredor da bandeira azul e branca,
arredor da bandeira de Galicia,
cantémo-lo dereito
a libre nova vida!

Validos de treidores
a noite da Frouseira
á patria escravizaron
uns reises de Castela.
Comestas polo tempo,
xa afloxan as cadeas…
¡irmáns asoballados
de xentes estranxeiras,
ergámo-la bandeira azul e branca!
¡E ó pé da enseña da nazón galega
cantémo-lo dereito
a libertar a Terra!

¡Irmáns no amor á Suevia
de lexendaria historia,
¡en pé! ¡en pé dispostos
a non morrer sin loita!
¡O día do Medulio
con sangue quente e roxa
mercámo-lo dereito
a libre, honrada chouza!
¡Xa está ó vento a bandeira azul e branca!
¡A oliva nunha man, a fouce noutra,
berremos alto e forte:
“¡A nosa terra é nosa!”

O auditorio resposta con grandes aplausos e berros de viva e bravo. Cabanillas intenta dar as grazas pero só consegue facelo coa cabeza.

Sube Castelao ao escenario. Saca un papel do peto.

Castelao.- Boas noites, estimada concorrencia. Despois de escoitar a estes grandes artistas, seguramente a miña disertación será de pouco interese para vostedes polo que vou ser breve.
Na nosa terra, dixo Risco, podíase ser mestre, bachiller, médico, funcionario, maxistrado, notario, coengo, bispo, obter os máis outos grados e os máis outos cárregos sen saber ren de Galiza. O Estado concede gratuitamente o dereito a iñorala. Veleiquí o modo absurdo que se ten de culturizar o noso país: forzándoo a iñorarse a si mesmo.
Con Prisciliano na frente a Santa Compaña de imortais galegos se perde na espesura dunha foresta lonxana, veremos xurdir dos humus da terra nai, da terra, da nosa terra... unha infinida noitedume de luciñas y vagalumes, que todos xuntos forman o substractum insobornabel da patria galega. Enerxía colectiva que nunca se cansa.
Que a fogueira do esprito siga quentando as vosas vidas e que a fogueira do lume non deixe de quentar os vosos fogares.

O auditorio comeza a aplaudir poñéndose en pé.


FIN

GRAVACIÓN DO CAPÍTULO "PAZÓ" O PRÓXIMO DOMINGO

Na mañá do vindeiro domingo gravaremos en Chancelas (o único lugar de rodaxe fóra do termo municipal de Pontevedra) as dúas escenas que compoñen o capítulo Pazó. Neste capítulo aparece o automóbil Renault Fréres que pertence á familia Pazó dende non se sabe cando. É o coche de maior antigüidade que se conserva en Galiza, foi construido en 1902 e a matrícula que é de época posterior é PO-2. Está en moi bo estado de conservación e co motor en orde de marcha.
Tamén aparecerá no filme un biciclo construido polo propio Sr. Pazó nos seus talleres, que inicialmente estaban onde hoxe está o edificio das barcas nas Corbaceiras, e onde entre outras moitas mecánicas se facían motores para as embarcacións de pesca.


  

martes, 3 de maio de 2016

2.000 E ALGUNHAS FOTOS DAS GRAVACIÓNS EN SAN FRANCISCO

Xa chegamos ás 2.000 visitas a este blog. Noraboa a todas/os.

Estade atentooos porque xa ímos colgar neste blog os guións dos capítulos que aínda non se publicaron, e a próxima fin de semana temos máis gravacións. Seguramente dos capítulos "Museo", "Os dous de sempre" e "Pazó".

Tedes preparados os vestidos de cada personaxe?

Agora, aquí tedes algúns momentos da rodaxe en San Francisco.