domingo, 26 de xuño de 2016

TVG E ONDA CERO

Segundo teñamos tempo, vamos ter maior repercusión nos medios de comunicación.
Xa saiu algo en Pontevedra Viva e La Voz de Galicia.
Este próximo luns gravaremos coa TVG para ser emitida unha pequena reportaxe, xa vos avisaremos cando.
Tamén esta semana que entra gravaremos con Susana Pedreira de Onda Cero para unha emisión que achamos que será nos primeiros días de xullo.

Estade atentos a este blog.

MÁIS GRAVACIÓNS E INCIDENTE COA POLICÍA LOCAL

Continuamos coas gravacións, o sábado 18 de xuño gravamos o capítulo "Gaiolas douradas" polas rúas de Pontevedra.

Cando estabamos a gravar a escena 1 na rúa Michelena e despois de pasar 3 ou 4 veces un vehículo da Poicía Local polo lugar sen ter parado en ningún momento, na última pasada parou a uns cen metros de onde estaba nese momento parado o Panhard & Levassor e 1912 na porta do antigo Banco de España, desceu un axente e achegándose a nós e sen saúdar nen identificarse dixo que "ese coche no tiene ni ITV, ni seguro", entón montouse un diálogo durante case unha hora no que lle ensinamos o seguro e ITV ao día e a autorización da propia Policía Local de ocupación de vía pública para facer as gravacións. O asunto foi así:

- Os axentes sen dirixirse previamente a nós pedindo explicacións, preguntaron á central se o automóbil que vían tiña autorización para permanecer aló, ao que recibiron a resposta de que si pois tramitaramos a autorización vía Pontevedra Film Commission (órgano do Concello encargado de tramitar os permisos para rodar na cidade).

- A continuación pediron a unha base de datos da Dirección General de Tráfico se tal auto estaba ao día da inspección técnica de vehículos e do seguro. Dende hai anos os vehículos cunha antigüidade superior a 25 anos poden solicitar a súa declaración de históricos polo departamento de industria da Xunta de Galicia, como é este caso. Despois tráfico asigna un número de matrícula histórica, e consinte seguir utilizando a placa orixinal. Pois ben na documentación do coche viña a placa de histórico e como non coincidía coa que portaba... os policías xa nos declararon sospeitosos. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre automóbeis históricos.

A declaración de histórico comporta a efectos de ITV que estas deben ter en conta as limitacións como diferencia a respecto da inspección dun vehículo moderno como ausencia de cintos de seguridade e outras, e ademais, e isto é moi importante, segundo a antigüidade a inspección farase en este caso concreto cada cinco anos, non cada ano. Como queira que na tarxeta de inspección e no rexistro de Tráfico aparecía que realizouse a inspección en 2012 e caducaba en 2013, os axentes considerannos sospeitosos. Tamén na mesma tarxeta de isnpección técnica se di, "periodicidade cada cinco anos" e polo tanto caduca en 2017. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre vehículos históricos.

Respecto ao seguro, na base de datos de Tráfico non figuraban tanto a matrícula orixinal como a de histórico, polo que tamén eramos culpábeis de circular sen seguro. Tras variadas discusións, e non divertidas, caemos na conta de que a compañía de seguros, seguramente por un tema informático engadía dous ceros diante do número de matrícula orixinal. Resolto.

Conclusión: Estar en parado na zona histórica de Pontevedra cun automóbil de 1912, cun fato de rapazas e rapaces de 11 anos vestidos de época e cunha cámara é, cando menos, sospeitoso de ilegalidades. Pois non! Era todo legal! 

Finalmente, e despois de facernos perder o tempo, puidemos continuar as gravacións. Iso si, os axentes marcharon coa mesma educación coa que chegaran, sen pedir desculpas e sen despedirse e por suposto sen ofrecerse por se necesitabamos algún tipo de axuda. Subiron no seu coche oficial e... non os voltamos ver.

Se estas son as facilidades para gravar en Pontevedra, non queremos nin imaxinar o que tal comportamento pode supór para unha empresa de cine que veña rodar en Pontevedra coa perda de tempo e gastos por ter a un equipo parado durante unha hora por descoñecemento da lexislación e o uso das máis elementais normas de cortesía por parte das persoas que representan a autoridade.

O sábado 25, gravamos o capítulo "Coro" na fachada de Santa María a maior e no carballo centenario de Santa Margarida. Tentaremos rematar o restante antes do 15 de xullo, para comezar de seguido a montaxe do filme e estrear no último cuadrimestre do ano.

Grazas a todas/os.

venres, 17 de xuño de 2016

MOI BOAS, NOVAS

Moi boas, novas.

Continuamos a gravar as escenas de "Puido ser". Onte gravamos a escena catro do capítulo "Subtrama", a manifestación sufraxista polas rúas da cidade de Pontevedra, coa que rematamos as rodaxes do antedito capítulo.
Mañá sábado gravaremos o capítulo "Gaiolas douradas" coa intervención do Panhard & Levassor de 1912.

E como non podía agocharse máis, xa saímos nos medios:

http://pontevedraviva.com/xeral/28852/alumnos-alvarez-limeses-graban-una-serie-sobre-castelao-puido-ser/

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/pontevedra/pontevedra/2016/06/17/quince-castelaos-pelicula/0003_201606P17C2991.htm

E nos próximos días cun grupo de actrices a actores gravaremos unha entrevista coa xornalista Susana Pedreira para Onda Cero.

Nos próximos meses terá este proxecto máis presencia nos medios de comunicación.

Ánimos!!!

martes, 14 de xuño de 2016

O SÁBADO 18 GRAVAREMOS O CAPÍTULO "GAIOLAS DOURADAS". CONVOCATORIA.

Este próximo sábado, 18 de xuño de 2016 imos gravar as escenas do capítulo "Gaiolas douradas" polo que se convoca ás 10.00 hs diante da Casa do Concello (Praza de España) para rodar de 10.00 a 14.00 hs a os seguintes intérpretes:

Javier Arturo C. C., 5º A, Alexandre Bóveda.
Álvaro C. C., 5º A, Chofer.
Hugo G. V., 5º B, Valle Inclán.
Nicolás M. A., 5º A, Castelao.
Carla G. L., 6º B, Condesa Pardo Bazán.
Rita Serafina G. G., 6º B, acompañante.
Laura M. C., 6º B, acompañante.
Genet D. R., 6º B, acompañante.

Neste capítulo aparce o automóbil Panhard & Levassor X18 Torpedo de 1912 que dará algún disgusto aos protagonistas.

domingo, 12 de xuño de 2016

MOI IMPORTANTE: A GRAVACIÓN DA ESCENA DA MANIFESTACIÓN SUFRAXISTA SERÁ O 16

Finalmente temos que trasladar a gravación da escena do capítulo "Subtrama", a manifestación sufraxista, para o xoves, día 16 de xuño de 2016.
A convocatoria é na Praza de Mugartegui (Praza da Pedreira) ás 19.00 horas. A gravación será de 19.00 a 21.00 horas.
Están convocadas todas as rapazas de 5º e 6º, con vestimentas de mulleres da época.
E específicamente:
Duarte M. R., 5º B, comisario.
Sheila R. P., 5º A, muller do comisario.

Onte sábado no Museo de Pontevedra se rodaron as escenas do capítulo "Museo" e a escena do capítulo "Pintor".

xoves, 9 de xuño de 2016

CONVOCATORIA PARA O SÁBADO 11 DE XUÑO, CAPÍTULOS "MUSEO" E "PINTOR"

Convocatoria para a gravación do capítulo "Museo".
Deberán estar ás 13.00 hs. na porta do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra (Praza da leña) para realizar as gravacións até as 16.00 horas. Debidamente caracterizados para o seu papel.

As e os intérpretes:

Martín H. G., 5º B, Casto Sampedro.
Isabel L. D., 5º B, Home.
Lorena L. S., 5º B, Álvarez Limeses.
Carlota M. L., 5º B, Muller.
Hugo P. C., 5º B, Home.
Carmen R. B., 5º B, Muller.
Elena S. J., 5º B, Muller.
Pablo V. V., 5º B, Castelao.

Por motivos técnicos estas gravacións só se poden facer este sábado, desculpade a premura de tempo, e a esas horas.

Asemade tamén se convoca aos intérpretes da escena 1 do capítulo "Pintor" ás 14.00 hs. na porta do Sexto edificio do Museo para rodar até as 16.00 hs.

Son os seguintes:

Martín X. F. R., 5º A, Castelao.
Yago E. B., 5º B, Jose de Figueiredo.
Lucas O. M., 5º B, Manuel de Figueiredo.

Grazas unha volta máis.

mércores, 8 de xuño de 2016

ADIANTO DAS CONVOCATORIAS MÁIS NUMEROSAS DO MES DE XUÑO

Convocatorias máis numerosas para o mes de xuño:

Sábado 11, de 13.00 a 16.00 hs. Diante do edificio Castro Monteagudo (Museo de Pontevedra vello, Praza da leña). Para capítulo "Museo" e escena 1 do capítulo "Pintor".

Venres 17, de 19.00 a 21.00 hs. Praza da Pedreira. Escena 4 do capítulo "Subtrama" (SI, a esperada manifa sufraxista), todas as actrices, a muller do comisario e o malfadado comisario.

Sábado 18, de 10.00 a 14.00 hs. Diante do edificio do Concello na rúa Michelena, 30. Para o capítulo "Gaiolas douradas".

Sábado 25, de 10.00 a 14.00 hs. Diante da fachada da igrexa de Santa María. Para o capítulo "Coro". Todas e todos como integrantes do coro, mais o Castelao deste capítulo, Sr. Blanco Porto, cura, Pedro, o gaiteiro e o tamborileiro (que estes non falten).

Ollo cada quen co seu papel!

GUIÓN CAPÍTULO "PINTOR"

Puido ser

Capítulo Pintor

Personaxes: Castelao, Jose de Figueiredo, Manuel de Figueiredo, Masko Yodogaba.
Localizacións: Museo de Pontevedra: Sexto edificio, escaleira do edificio Sarmiento. Campañó.

ESCENA 1

Castelao está vestido cunha bata dándolle os remates a un dos seus grandes cadros, entran Jose e Manuel de Figueiredo. Acheganse a Castelao e póñense a falar. Afastanse da pintura e andan cara unha parede de pedra núa.

Jose de Figueiredo.- Bom dia Doutor Castelao.

Castelao.- Bos días aos irmáns do sur, Profesor Figueiredo.

Chocan as cinco.

Jose de Figueiredo.- Permítame, este é meu sobrinho o Manuel.

Manuel de Figueiredo.- (Extendendo a man dereita para chocar as cinco) É um grande prazer pra min conhecer a um grande artista como você. Meu tio ten-o muito bem considerado.

Castelao.- Son eu o que me sinto moi honrado coa súa visita.

Jose de Figueiredo.- Nao sabe o que eu gostaría de ter unha das súas obras no Janelas Verdes.

Manuel de Figueiredo.-  Tem você aqui un belo atelier.

Castelao.- Obrigado, mais é modesto.

Jose de Figueiredo.- Nao seja assim, as súas obras sao de muita qualidade. E que variedade de formatos! Fiche! Se calhar você é português.

Castelao.- Si son. Portugués do norte. E os señores son galegos, do sur.

Jose de Figueiredo.- É claro!

ESCENA 2

Castelao vai polo campo e ve a un xaponés ollando detidamente unha cabeza de Sansón sobre unha porta. Achégase a el.

Castelao.- Yodogaba san?

Masako Yodogaba.- Konnichiwa (Xuntando as mans e facendo unha flexión corporal).

Castelao.- Que ben encontralo aquí estudando a nosa escultura popular.

Os dous levantan a vista e miran para a cabeza. Plano da cabeza que di Aaaaaa.

Castelao.- Vaia, iso fixoo vostede?

O xaponés non parece comprender nada.

Masako Yodogaba.- Es...tuatua belle. Tête harmonieux. Arigato gozaimasu (asintindo coa cabeza).

Castelao.- Ben, creo que... imos a entendernos.

Masako Yodogaba.- Cadeau pour vous. (saca unha estampa e lla da a Castelao).

Castelao.- Para min? (a olla) Aaaa, Hokusai. Moitas grazas. Veña comigo que lle vou ensinar algo da terra e da lingua. Todo comezou cos kallaikoi...

Se van alonxando. De súpeto paran e ollando para Castelao Yodogaba di:

Masako Yodogaba.- Kakkoii? Nipon?


FIN

GUIÓN CAPÍTULO "CORO"

Puido ser

Capítulo coro

Personaxes: Castelao, Sr. Blanco Porto, cura, grupo numeroso de xente que forma o coro.
Localizacións: Escaleiras da fachada de Santa Mariña. Carballo de Santa Margarida.

ESCENA 1

O coro colócase nas escaleiras de Santa Mariña, despois de posar para unha foto e coa dirección de Antonio Blanco Porto comezan a cantar “Adiós ríos; adiós fontes” de Rosalía de Castro. A melodía soa fatal, despois duns segundos o director ordea silencio.

Adiós, ríos; adiós fontes; 
adiós, regatos pequenos; 
adiós, vista dos meus ollos, 
non sei cando nos veremos. 

Miña terra, miña terra, 
terra donde me eu criey, 
hortiña que quero tanto 
figueiriñas que prantey, 

prados, ríos, arboredas, 
pinares que move o vento, 
paxariños piadores, 
casiña do meu contento, 

muíño dos castañares, 
noites craras de luar, 
campaniñas trimbadoras 
da igrexiña do lugar, 

amoriñas das silveiras 
que eu lle daba ó meu amor, 
camiñiños antre o millo, 
¡adiós, para sempre adiós! 

¡Adiós groria! ¡adiós contento! 
¡Deixo a casa onde nacín, 
deixo a aldea que conoço 
por un mundo que non vin! 

Deixo amigos por estraños, 
deixo a veiga polo mar, 
deixo, en fin, canto ben quero... 
¡Quén pudera non deixar...!

Sr. Blanco Porto.- Alto, alto... silencio, por favor. (Botas as mans á cabeza con desespero).

Castelao deixa o seu posto no coro e achégase a Blanco Porto.

Castelao.- Sr. Blanco Porto, está seguro de tirar algo de nós que poida ser escoitado sen saír correndo?

Sr. Blanco Porto.- Se non estivese seguro xa tiña renunciado.

Cura (dende lonxe).- Castelao, home de poca fe! Saiba que a fe move montañas!

ESCENA 2

Outro día. Carballo de Santa Margarida. O coro está situándose.

Castelao platica con Pedro sobre a arquitectura da capela.

Pedro.- Vexa amigo ese granito!

Castelao.- Sobre a pedra edificarei a miña igrexa.

Pedro.- Ja, ja, ja. Sempre hai que tomarse a arquitectura con humor...

Castelao.- É certo, non sei se son iluminados ou algo pior...

Pedro.- Saiulle un pareado. A arquitectura elle moi raposeira, pero que moi raposeira. Por sorte esta, é obra de canteiros.

Castelao.- Abofé que si!

A voz de Blanco Porto chamando a atención do grupo.- Por favor señoras e señores, ímos comezar, colóquense.

Xúntase o grupo baixo o carballo e escomezan unha canción moi ben interpretada. O poema “O maio” de Manuel Curros Enríquez (http://www.ogalego.eu/exercicios_de_lingua/lit/curros/omaio.html).

Aí vén o maio
de frores cuberto ...

Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo galego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sen bruxas nin demos;
un maio sen segas,
usuras nin preitos,
sen quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.

Despois un gaiteiro e un tamborileiro tocan unha peza que siguen alegremente, algúns bailando, os demais acompañando o compás con palmas.


FIN

SUPERADAS AS 3.000 VISITAS NESTE BLOGUIÑO

MOITÍSIMAS GRAZAS!!!!!

Superadas as 3.000 visitas neste modesto blog.
Agora xa estamos no tramo final das gravacións, nas seguintes publicacións podedes ver a programación das escenas máis importantes no que queda de mes.
Hoxe colgamos os guións de "Coro" e "Pintor", e así só faltarán tres capítulos, a saber, "Casa", "Galeguista" e "Río". A necesidade de atopar espazos en Pontevedra e non coincidir con propostas variadas e incompatíbeis está no fundo destes atrasos. Sen dicir nada do guionista, e (des)organizadores.
Desculpade que aínda non colgaramos algunha toma falsa... e comezaremos unha pequena promoción nos medios de comunicación.

Buuuuuuuffff

luns, 6 de xuño de 2016

RODADO O CAPÍTULO "OS DOUS DE SEMPRE"

O sábado pasado puidemos rodar as dúas escenas do capítulo "Os dous de sempre", grazas a unha mellora no tempo atmoférico, en Fragoso (Xeve) cunha memorábel actuación de dúas artistas convidadas, Cuca e Ruperta, nos papeis de Pedriño e Rañolas, acompañantes do aldeán cego que conversa cun Castelao campestre e rural.
Na segunda casa, a que está a carón do cole, rodamos a escena na que Virxinia desperta a Daniel dese soño.

Estade moi atentas/os, pois nesta semana colgaremos os guións dos capítulos que faltan por dar a coñecer,"Casa", "Coro", "Galeguista", "Pintor" e "Río". E xa poderemos dar un calendario das gravacións máis importantes deste mes: a manifestación sufraxista, as escenas do coro, as escenas de "Gaiolas douradas", "Museo" e "Pintor".

xoves, 2 de xuño de 2016

GUIÓN "ESCENA FINAL"

Puido ser

Capítulo Escena final

Personaxes: Manuel Quiroga, Virxinia Pereira.
Localización: Sala.

Manuel quiroga interpreta unha melodía, ao fondo vese un gramófono xirando. Despois Manuel Quiroga deixa de tocar e mira para a cámara, mais a melodía segue a sonar.
Manuel Quiroga retírase, eo gramófono cobra protagonismo, aparece Virxinia Pereira que retira a agulla do disco e cesa a melodía.

Virxinia Pereira:- (Mira para a cámara e cun sorriso di) Puido ser!


FIN

mércores, 1 de xuño de 2016

MÁIS GRAVACIÓNS, O SÁBADO NA SEGUNDA CASA DO COLE E XEVE


Continuamos a gravar, o pasado sábado no Teatro Principal fixemos o capítulo homónimo e as escena da proxección do capítulo "Marx".

E a partir de agora si que hai que correr de verdade.

O vindeiro sábado gravaremos o capítulo "Os dous de sempre". A escena 1 nas campas de Fragoso en Santo André de Xeve, onde dous burriños e un home cego van darlle unha lección de vida ao noso xa querido e entrañable Castelao.
E unha grande nova é que, conseguimos grazas a este proxecto de film darlle utilidade á segunda casa do colexio, e que está abandonada no núero 11 da rúa Joaquín Costa. Aló rodaremos unha escena deste capítulo, e en próximas datas o capítulo completo "Casa".
Polo menos, aínda que seguimos na teima de recuperala para actividades docentes do colexio e da comunidade, xa lle imos dando uso.

Pronto colgaremos ligazóns con curtas na canle "youtube".