domingo, 26 de xuño de 2016

MÁIS GRAVACIÓNS E INCIDENTE COA POLICÍA LOCAL

Continuamos coas gravacións, o sábado 18 de xuño gravamos o capítulo "Gaiolas douradas" polas rúas de Pontevedra.

Cando estabamos a gravar a escena 1 na rúa Michelena e despois de pasar 3 ou 4 veces un vehículo da Poicía Local polo lugar sen ter parado en ningún momento, na última pasada parou a uns cen metros de onde estaba nese momento parado o Panhard & Levassor e 1912 na porta do antigo Banco de España, desceu un axente e achegándose a nós e sen saúdar nen identificarse dixo que "ese coche no tiene ni ITV, ni seguro", entón montouse un diálogo durante case unha hora no que lle ensinamos o seguro e ITV ao día e a autorización da propia Policía Local de ocupación de vía pública para facer as gravacións. O asunto foi así:

- Os axentes sen dirixirse previamente a nós pedindo explicacións, preguntaron á central se o automóbil que vían tiña autorización para permanecer aló, ao que recibiron a resposta de que si pois tramitaramos a autorización vía Pontevedra Film Commission (órgano do Concello encargado de tramitar os permisos para rodar na cidade).

- A continuación pediron a unha base de datos da Dirección General de Tráfico se tal auto estaba ao día da inspección técnica de vehículos e do seguro. Dende hai anos os vehículos cunha antigüidade superior a 25 anos poden solicitar a súa declaración de históricos polo departamento de industria da Xunta de Galicia, como é este caso. Despois tráfico asigna un número de matrícula histórica, e consinte seguir utilizando a placa orixinal. Pois ben na documentación do coche viña a placa de histórico e como non coincidía coa que portaba... os policías xa nos declararon sospeitosos. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre automóbeis históricos.

A declaración de histórico comporta a efectos de ITV que estas deben ter en conta as limitacións como diferencia a respecto da inspección dun vehículo moderno como ausencia de cintos de seguridade e outras, e ademais, e isto é moi importante, segundo a antigüidade a inspección farase en este caso concreto cada cinco anos, non cada ano. Como queira que na tarxeta de inspección e no rexistro de Tráfico aparecía que realizouse a inspección en 2012 e caducaba en 2013, os axentes considerannos sospeitosos. Tamén na mesma tarxeta de isnpección técnica se di, "periodicidade cada cinco anos" e polo tanto caduca en 2017. Eles son culpábeis de non coñecer a lexislación sobre vehículos históricos.

Respecto ao seguro, na base de datos de Tráfico non figuraban tanto a matrícula orixinal como a de histórico, polo que tamén eramos culpábeis de circular sen seguro. Tras variadas discusións, e non divertidas, caemos na conta de que a compañía de seguros, seguramente por un tema informático engadía dous ceros diante do número de matrícula orixinal. Resolto.

Conclusión: Estar en parado na zona histórica de Pontevedra cun automóbil de 1912, cun fato de rapazas e rapaces de 11 anos vestidos de época e cunha cámara é, cando menos, sospeitoso de ilegalidades. Pois non! Era todo legal! 

Finalmente, e despois de facernos perder o tempo, puidemos continuar as gravacións. Iso si, os axentes marcharon coa mesma educación coa que chegaran, sen pedir desculpas e sen despedirse e por suposto sen ofrecerse por se necesitabamos algún tipo de axuda. Subiron no seu coche oficial e... non os voltamos ver.

Se estas son as facilidades para gravar en Pontevedra, non queremos nin imaxinar o que tal comportamento pode supór para unha empresa de cine que veña rodar en Pontevedra coa perda de tempo e gastos por ter a un equipo parado durante unha hora por descoñecemento da lexislación e o uso das máis elementais normas de cortesía por parte das persoas que representan a autoridade.

O sábado 25, gravamos o capítulo "Coro" na fachada de Santa María a maior e no carballo centenario de Santa Margarida. Tentaremos rematar o restante antes do 15 de xullo, para comezar de seguido a montaxe do filme e estrear no último cuadrimestre do ano.

Grazas a todas/os.

Ningún comentario:

Publicar un comentario