xoves, 31 de marzo de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "SUBTRAMA"

Puido ser

Capítulo Subtrama

Personaxes: Leandro (axudante de policía), Sr. Comisario, muller do comisario, grupo de sufraxistas, Ministro da Gobernación, dúas persoas máis.
Localizacións: oficinas, rúas de Pontevedra.

ESCENA 1

Oficina. Un axudante de policía (Leandro) escribe con dous dedos (un de cada man) nunha máquina de escribir e ao rematar, retira o escrito da máquina e le (en off) o que redactou.

Voz de Leandro.- Comisaría de policía de Pontevedra. Orde pública. Informe do día de hoxe sobre actividades molestas en Pontevedra. Nos útimos tempos veñen ocurrindo diferentes feitos que fan desta cidade de Pontevedra obxecto do que cremos un importante foco de elementos subversivos. Trátase de xente que se reune nos cafés e co pretexto de realizaren actividades “artísticas” promove a edición de xornais, a realización de encontros literarios nos que se recita poesía, as conferencias de persoas estranxeiras que fan públicos comportamentos e actitudes alleas á nosa máis sacrosanta tradición. Mais é, que uns fan até caricaturas ridiculizando ás nosas autoridades (que Deus garde) e que provocan no pobo as máis sonoras gargalladas.
É pois preciso curtar esta disparatada forma de entender a vida, polo que propoñemos se faga un seguimento de certas persoas que non gardan o decoro esixíbel na sociedade para que ideas doutras terras non penetren na nosa nación.

ESCENA 2

Despacho do Comisario. Plano frontal. O Comisario está lendo o informe, deixao sobre a mesa e fica pensativo. Bota a man á cabeza con coidado. Plano posterior no que se ve un esparadrapo en forma de cruz na súa cabeza.

Comisario.- (Chamando en voz alta) Leandroooo.

ESCENA 3
Despacho do Comisario. O Comisario está de pé mirando pola fiestra, sona o teléfono e achégase a descolgar.

Comisario.- Digaaaa. Sr. Gobernador civil. A súas ordes. Si, preocupante. Estaremos atentos, non se preocupe. Grazas señor. (Pausa) Leandrooo!

ESCENA 4

Personaxes: Comisario, muller do comisario, grupo de sufraxistas.
Localizacións: Rúa(s) de Pontevedra.

O comisario e maila súa muller pasean pola rúa, comezan a escoitar balbordo, pouco a pouco achegase un grupo de mulleres que berran a favor do voto da muller.

Grupo de mulleres sufraxistas.- Sufraxio feminino xa! Non queremos ser obxectos, queremos participar.

Muller do comisario.- Olla, por fin!

Comisario.- Que dis? Estas revolucionarias!

Muller do comisario.- Serás macho...

Comisario.- Non ves que non van conseguir nada, son moi poucas.

Muller do comisario.- Ai si? Pois agora contan cunha máis. (Únese a grupo de sufraxistas e comeza a cantar as consignas).

Grupo.- Mulleres a votar, homes na cociña! Sufraxio universal!

O Comisario fica con cara de asombro.

ESCENA 5

Despacho do comisario. O Comisario está na súa mesa e sona o teléfono, descolgao e responde.

Comisario.- Digaaaa. (Uns segundos de pausa, mentres escoita vai mudándolle a face até ficar sorprendido, pónse de pé). Sr. Director Xeral!!!  Así que leu o noso informe. Que lle parece grave. Que hai que tomar medidas. Que que medidas vou tomar. (dous segundos de pausa mentras pensa turbado). Pois... pois... Vixiarei! Iso é, vixiarei a todos eses elementos... sospeitosos. Que non lle parece suficiente? Si señor, así o farei. A súas ordes Sr. Director Xeral. (colga o teléfono aínda sorprendido). O Sr. Director Xeral da Policía! (Pausa) Leandroooo!

ESCENA 6

Actores: Sr. Comisario, Ministro da Gobernación, dúas persoas máis.
Localizacións: Despacho do Sr. Comisario.

Un home abre a porta do despacho do comisario, este sentado na mesa levanta a vista e ponse en pé. Entran tres homes na estancia, plano sempre de costas.

Sr. Comisario.- (Turbado fai unha reverencia) Señooor Ministro da Gobernación. Quero dicir, excelentísimoooo señor. Neste humilde despacho...

Ministro.- Deixe de monsergas. Que raio está a pasar aquí?

Sr. Comisario.- (Dubidando) A situación internacional...

Ministro.- Cale! (Taxante). El Rei está moi preocupado... e o presidente do Consello de ministros tamén. Non sabemos como pode levar tan torpemente esta comisaría. Quero a súa dimisión “in ipso actu”.

Sr. Comisario.- Eeee?

Ministro.- Agora mesmo (berrando).

Os tres homes dan a volta e abandonan o lugar. O Comisario quere protestar.

Sr. Comisario.- Pero se só me faltan uns días para a xubilación... (Pausa) Leandrooo!


FIN

Ningún comentario:

Publicar un comentario