xoves, 10 de marzo de 2016

GUIÓN DO CAPÍTULO "MUSEO"

Puido ser

Capítulo Museo

Personaxes: Castelao, Casto Sampedro, Álvarez Limeses, 5 persoas máis (tres mulleres e dous homes).
Localizacións: fachada do Museo (Praza da Leña), interior. Interior da nova sala de arqueoloxía.

ESCENA 1

Casto Sampedro (diante da porta do Museo).- Señoras e señores coa súa visita honran esta recén nada institución, sexan benvidos.

Casto Sampedro abre a porta do Museo e Castelao e varias persoas entran.

ESCENA 2

Xa no interior, diante do torques de Rianxo, Castelao dirixíndose a Álvarez Limeses.

Castelao.- Don Xerardo viu os antepasados do meu Rianxo que cousas marabillosas facían.

D. Xerardo.- Querido Don Afonso, o feito de que esta xoia fose atopada perto do seu berce non quere dicir que fosen os habitantes de Rianxo na época quen a fixeran.

Castelao.- Oo, non tumbe este momento de gloria diante desta distinguida xente.

D. Xerardo.- Un exame serio dos restos descubertos na zona non permite concluir que indefectibelmente esta peza fose realizada polos moradores. Pense, foi un lugar de pillaxe e rapina habitual, e ben podería ser froito desas pillerías.

Castelao.- Ou sexa, feito noutro lugar foi parar a Rianxo. Ben, e algo moi de sempre. Pero se permite teño que corrixilo.

D. Xerardo.- Pídollo encarecidamente.

Castelao.- Como conxugación do verbo utilizou o pasado, foi, cando en realidade e nas circunstancias presentes tiña que ter utilizado pasado e presente, foi e é un lugar de pillaxe e rapina.

D. Xerardo.- Vostede acabará na política.

Castelao.- Non brinque comigo Sr. Álvarez Limeses. Prefiro un dos seus poemas.

D. Xerardo.- Pois teño aquí o último:

O Arco da Vella

Dende o piñeiredo de Vilanoviña
o arco da vella ergueuse a beber,
tanta sede tiña
que fixo surrindo un vó de anduriña
e foi dun esguello nun río a caer.

Ó sentir da auga a caricia leda
espallouse en néboa pola tarde mol
i enchéndose dela colgou na robleda
seu pano de cores tinguido de sol.

O pasmo das xentes deulle preitesía:
xa o frescor da auga non lle apetecía
e como as gabanzas lle sentaban mal
voltou pouco a pouco, con gran señoría,
rubindo do río cara o piñeiral.



Fin

Ningún comentario:

Publicar un comentario